ASINA ESTE MANIFESTO NA NOSA WEB
www.areanegra.org ¡¡NON ME TOQUES!!
O
colectivo de ensinantes areanegra solidarízase con Sandra, a rapaza de Toques que
foi víctima de abusos sexuais por parte do alcalde da súa vila, Jesús Ares.
Desde esta páxina e desde todos os centros de ensino, queremos enviar a
Sandra o noso total apoio, e transmitir a toda a sociedade a repulsa da
comunidade educativa a calquera manifestación de violencia sexual e a calquera
declaración xustificadora de tales feitos.
Animamos a todas as rapazas que
sufran abusos sexuais a que os denuncien inmediatamente, e que non permitan
coaccións de ninguén para calar e mirar cara outro lado. A dignidade das persoas
está por riba de calquera presión de tipo político ou social.
Respecto aos
feitos:
Rexeitamos contundentemente calquera tipo de violencia sexual,
especialmente a que sofren as mulleres e as/os menores, e solicitamos a pena
máxima para os culpables.
Denunciamos a situación de apoio e privilexio que lle
dan a Jesús Ares os seus paisanos e superiores só polo feito de ser alcalde e ter
unha situación de poder. Calquera persoa culpábel dun delicto criminal coma este
debe ser condenado e inhabilitado de calquera función pública, independentemente
da súa adscrición política. Por tanto, esiximos a dimisión de Jesús Ares como
alcalde do concello de Toques.
Felicitamos a Sandra por ter denunciado o acoso
sexual ao que foi sometida, e aplaudimos a súa valentía e dignidade.
Transmitímoslle dende os centros de ensino toda a nosa solidariedade. ¡Ánimo! O
profesorado e alumnado galegos estamos contigo.
Respecto ás declaracións
insultantes dos nosos políticos:
As declaracións de Fraga sobre o alcalde de
Toques constitúen unha clara apoloxía da violencia de xénero, unha gravísima
ofensa para as mulleres, e para toda persoa que defenda unha sociedade libre e
democrática.
Non consentimos declaracións minimizadoras dun delicto de abuso
sexual, coa agravante de se tratar dun delicto infrinxido a unha menor. Tampouco
consentimos a complicidade e o silencio.
Por tanto, esiximos aos políticos, se
é que teñen un mínimo de ética e respecto polas mulleres e pola sociedade en
xeral, que rectifiquen as súas declaracións, condenen firmemente estes feitos, e
impidan que Jesús Ares e os seus edís continúen na alcaldía de Toques.
Así
mesmo, esiximos a dimisión do Presidente Manuel Fraga e a súa inmediata retirada
da política, pois a sociedade galega non pode consentir este tipo de insultos á
liberdade das persoas e o amparo da violencia de xénero dende o cargo de
presidencia da Xunta.
areanegra